Descripción
¿Pode un home transformarse en música? Este libro narra a novelesca vida de José Ramón González Pérez (1913-2007).
Nacido en Cuba, pastor nos Ancares galegos e un destacado membro dunha estirpe de músicos documentada desde comezos do s. XIX, a dos Gaiteiros do Bodego . “Fuxido” pola súa lealdade á República durante a Guerra Civil, “recrutado forzoso” ás ordes de fascistas e nazis, emigrante na Arxentinaen 1949 coa súa compañeira, Dorinda, e coa súa primoxénita,Amelia.
Durante os 58 anos e medio nos que viviu alí, fixo da arte da gaita un modo de existencia que lle permitiu sortear certas desgrazas e seguir conectado con todo o que amaba, até o punto —en palabras do seu biógrafo, o musicólogo arxentino Norberto Pablo Cirio— de transmutar a súa corporeidade ao instrumento. Inclúese un CD cunha selección de gravacións de extraordinario valor musical e histórico, que inclúe as interpretacións que José Ramón enviou por medio de cartas sonoras a familiares e amigos a través do océano durante medio século.