Descripción
A Gramola Gominola é un grupo de música infantil, en galego, pensado para as máis pequenas e pequenos da casa. Pero non é un grupo máis, non é o de sempre, é unha banda de rock!!
A historia de A Gramola Gominola, da nosa historia, é un conto que comeza uns anos atrás; entre guitarras, rock, paixóns e desvelos pola música (como non podía ser doutro xeito!). Paco Cerdeira, o noso Paco, daquela xa andaba con Zënzar e propuxo crear un grupo de música pensado para os máis cativos da casa, (e os non tan cativos!).
E foi entre os ensaios e concertos de Zënzar cando a idea de crear unha banda de rock para nenas e nenos comeza a escribirse. Porque… se os grandes teñen música con ‘xeito’ por que as pequenas e pequenos non poden berrar un ‘HEI, HO, LETS GO’ sen importar a idade?
A idea quedou un tempo na neveira, outros proxectos, outras ideas foron nacendo en paralelo e, grazas a elas, á casualidade e ó destino as pezas do crebacabezas foron encaixando. Un dos primeiros en unirse a ese berro foi Anxelo de Xermar (baixo) pero aínda lles faltaba camiño por andar. Un día apareceu Ro Muñoz (batería) para xogar á billarda. Pero logo de ver o dominio que tiña das baquetas, souberon que el tiña que unirse ao proxecto xunto coa súa billarda. O crebacabezas estaba case finalizado pero aínda lles faltaba unha peza crucial, o cromo que nunca toca para rematar o álbum, a chapa coa que sempre gañas o xogo… a cantante.
Pero de súpeto, nun concerto, unha rapaza morena cunha longa trenza comezou a cantar. Cantou, cantou tanto e tan ben que Paco, Anxo e Ro ensináronlle o crebacabezas por se ela, ao mellor; podía atopar a peza que faltaba. E así foi, atopouna. Paula Romero (voz) encaixou perfectamente nesta historia, na nosa historia!