Descripción
OSCAR IBÁÑEZ presenta o seu novo traballo discográfico titulado “Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela
Homenaxe a Ricardo Portela – 25 Aniversario Pasamento”, para homenaxear a Gaiteiro de Viascón co gallo da sinalada efeméride que se cumpriu o pasado 24 de marzo de 2017, no que inclúe unha selección do seu repertorio máis característico interpretado coa súa propia gaita de dixitación pechada.
O disco contén unha escolma de 20 temas portelianos presentes nos discos “Irmáns Portela”, Festa en Viascón”, “Alborada en Cotobade”, “Instrumentos Musicais Populares Galegos” ou “Galiza a José Afonso” xunto con outras pezas que Oscar Ibáñez rescatou de diferentes gravacións inéditas. Consciente da responsabilidade que supuña o proxecto, Oscar Ibáñez interpretou este repertorio respectando o singular toque pechado de Ricardo Portela, achegándose o máis posible ao seu estilo, técnica interpretativa e ornamentación, polo que para levar a cabo o proxecto elaborou un longo traballo previo de análise e transcrición tanto das melodías como da ornamentación empregada por Ricardo Portela nos temas seleccionados.
A percusión correu a cargo de destacados artistas da nosa música tradicional que gravaron ou tocaron con Ricardo Portela na década dos 80 fundamentalmente como Xosé V. Ferreirós (Milladoiro), Francisco Estévez “Chuco” (E-Trad), Gonzalo Caride (artesán, músico), Wenceslao Cabezas “Polo” (Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo), Antón López “Toniño” (Treixadura), Manuel Solla (Os Cruceiros), Xosé Carlos V. Bouza e Jesús Corral (Xarabal), Miguel Souto (O Fiadeiro), Alberto Costas (PelePau) e Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez (Noitarega).